2.5.06

Blogs, ¿moda ou revolución?

Os blogs están de moda; iso é indubidable. O 2005 significou a explosión do movemento blog en Galicia e hoxe o blogomillo (a comunidade de blogs en galego) conta con máis de mil participantes activos. Pero, ¿que vai ficar tras tanto post, tanto link e tanta sindicación de contidos? ¿Supoñen os blog un cambio revolucionario no sistema de comunicación interpersoal e social? ¿Están xa forzando mudanzas nos medios de comunicación de masas tradicionais? ¿Ou son simplemente unha moda pasaxeira, a palabra do momento?

O Consello da Cultura de Galega, a través da Sección de Comunicación, organizou o 19 de abril ENBLOGS’06, un encontro de blogs (e blogueiros) de Galicia e Portugal, nun intento de fomentar o debate e de comezar a fixar conceptos e definir perfís e situacións dun fenómeno novo e en constante mudanza. O salón de actos da institución permaneceu ateigado en todas as sesións, cun auditorio formado maioritariamente por unha boa representación dos blogueiros máis activos do país, que (fieis a unha das características que definen aos blogs) non se contentaron con presenciar pasivamente os temas e debates expostos nas distintas mesas, senón que abriron novas liñas de discusión que seguiron até ben entrada a noite no Casino de Compostela, onde tivo lugar a derradeira sesión do encontro, a chamada Beers and Blogs, unha quedada en toda regra.

Os blogs teñen unha historia curta e vertixinosa dende 1997, momento no que Jorn Barger apunta o termo weblog por vez primeira, pasando polo 2003, ano da grande efervescencia do fenómeno, derivada da Guerra do Iraque, até o momento actual, cando a popularización dos blogs fai que nos plantexemos se están a provocar mudanzas de fondo na sociedade. Quizais non sexa a cantidade de blogueiros (sobre cen mil en todo o Estado Español) o máis interesante, senón as súas características cualitativas, que están a mudar: os usuarios da internet están deixando atrás actitudes e usos máis pasivos (consumo) para adoptar unha posición máis activa (produción). Para Fernando Garrido este salto “pode marcar o paso á madurez dun país no campo da sociedade da información“.

A característica que define aos blogs é a facilidade de edición e a creación de sinerxías entre redactores e lectores, pois como sempre o que importa finalmente é o contido, que o que se publique interese aos lectores. Pero vivimos na era dos multimedia e os blogs, malia seren nun comezo unha forma de expresión basicamente textual, incorporan cada vez en maior medida imaxes, audio e vídeo. É a creatividade dos usuarios o que xera as novas necesidades. Existen xa fotologs, audioblogs, moblogs (blogs creados e alimentados a través dos móbiles), vlogs (blogs de vídeo), que se espallan pola rede grazas ao nacemento de servidores para hospedar arquivos dun peso excesivo. O futuro, para Marcus Fernández, de CódigoCero, é a colaboración en liña e a converxencia e a integración de tecnoloxías. O futuro é ademais sincronismo, oposto aos arquivos editados, a multimedia fronte ao texto, e o intercambio de arquivos, en oposición aos servidores. Para Fernando Garrido, en Galicia aínda non se produciu a grande explosión do fenómeno blog, que calcula que terá lugar o vindeiro ano.

¿E como son os blogueiros galegos? Malia á curta vida deste fenómeno, o perfil dos usuarios está a ser estudado dende hai tempo. Podemos destacar os datos publicados en calidonia.blogspot.com por F. Neira, as investigacións realizadas polo grupo de investigación da USC Novos Medios, e tamén os estudos de F. Garrido, a través do Observatorio da Cibersociedade. Segundo este estudo, os blogueiros galegos son homes (60%), pero nunha proporción moi inferior á media do Estado Español (72%), que nos achega ás cifras norteamericanas, son moi novos (máis que no resto do Estado), e empregan a banda ancha moi maioritariamente (79%). Son xente experimentada na rede e cun acceso moi estendido ás novas tecnoloxías. Finalmente, máis da metade levan menos dun ano no blogomillo, o que dá conta do crecemento exponencial desta comunidade. ¿E as motivacións? Segundo este estudo, as principais razóns para ter blog non son utilitaristas e entre elas predomina o “poder expresarse libremente”. Pola súa banda, Silvia Canabal presentou os datos dun estudo realizado polo grupo Novos Medios, que entre outras cousas cuantificou a extensión media dos posts realizados nos blogs galegos, situada por debaixo dos mil caracteres no 60% dos casos. Este censo reflicte asemade que as bitácoras do blogomillo aínda non son multimedia e menos do dez por cento inclúe vídeo ou audio. Como conclusión, Silvia Canabal salientou o papel que poden estar tendo os blogs na galeguización das webs feitas en Galicia, até o de agora maioritariamente en castelán.

Noutra das sesións, o profesor portugués Manuel Pinto, da Universidade do Minho, reflexionou sobre diversos asuntos, coma por exemplo os requisitos que nos permiten falar da existencia da blogosfera (non é só unha cuestión cuantitativa, senón que os blogs deben ser un corpo orgánico e funcionar en rede), en que medida as bitácoras representan un alargamento da esfera pública, cómo ocorren os procesos de lexitimación e consagración das bitácoras, cómo modifican o campo mediático, e o seu papel na construción da memoria colectiva, como arquivo da historia contemporánea. Como conclusión, Pinto afirmou que en Portugal os blogs perderon xa o encanto da novidade e se atopan en “velocidade de cruceiro”, o que permite xa facer unha selección do malo, o bo e o mellor.

Pola súa banda, o analista de medios Juan Varela (periodistas21.blogspot.com) entende os blogs como “identidades de dominio público” , ou egos dixitais, que en contacto con outros usuarios poden conformar comunidades virtuais, baseadas na inmediatez, a participación e o debate. Este eu dixital rompe as barreiras entre o espazo público e o privado, a través dunha estratexia baseada na confianza. Este novo fenómeno agroma nun momento no que o xornalismo tradicional áchase en crise a moitos niveis: crise de obxectividade, de autoridade (a xente vólvese desconfiada e dá as costas a todas as institucións recoñecidas, entre elas os medios), de información (popularización de formas de xornalismo sectario e demagóxico, por unha banda, e de novos xéneros híbridos nos que a información cada vez é presentada de xeito máis superficial: infotainment), de audiencia (pola fragmentación de audiencias), e de atención (pola saturación provocada pola multiplicación de emisores). Podemos falar hoxendía dunha situación caracterizada pola sobreabundancia de información (que xa advertía Eco hai algúns anos ao falar da hiperinformación), onde os esforzos dos xornalistas deberían encamiñarse cara á calidade e a claridade na representación da actualidade, en base a novos criterios que emanan neste momento da subxectividade da audiencia: utilidade, selección, contextualización ou proximidade. Juan Varela entende os blogs como un “asalto ciudadano a los medios”, unha rebelión contra o acomodamento e a estandarización do periodismo e contra o xornalismo corporativo e a súa simbiose cos poderes. O éxito dos blogs supón, en suma, un síntoma da existencia dunha crise da mediación. Di Manuel Bragado, director de Xerais e un dos máis ilustres blogueiros galegos (as súas brétemas están na rede dende xaneiro de 2005) que Internet funciona como soporte (o medio é a mensaxe, que dicía McLuhan) dunha nova textualidade electrónica, unha nova literacidade: a forma de ler e escribir de cada tempo.

Se os blogs, malia non ser medios informativos (é escasa a información en senso estrito que podemos atopar neles), son un expoñente do chamado Xornalismo 3.0 (un tipo de prácticas que podemos equiparar ao xornalismo cidadán), segundo Juan Varela o novo xeito de facer política e de que os cidadáns inflúan nos debates públicos pode ser denominado Política 3.0, baseado no glocalismo, a participación, a mobilización virtual e unha ética civil. Os blogs son tan só un concepto, unha denominación popular para un fenómeno máis amplo e que non só afecta á comunicación interpersoal ou á comunicación de masas. É a sociedade no seu conxunto a que está a mudar. ¿E que pasará cos blogs? O termo seguirá existindo mentres non se invente outro que defina un fenómeno análogo.

TEMPOS NOVOS Nº 107, MAIO 2006

No comments: