Un fondo de máis de trescentos produtos audiovisuais, case sesenta filmes exhibidos, unha mesma lingua. Todo isto foi, en cifras, a Feira de produtos audiovisuais Viaxes na Lusofonía, un evento ambicioso na súa concepción, cunha visión de futuro moi clara: tender pontes, abrir camiños, viaxar sobre o Atlántico, achegando a Galicia a máis recente produción audiovisual de Brasil, Portugal e a África Lusófona, principalmente obras realizadas por escolas de cinema, pequenas produtoras ou colectivos sociais do chamado Terceiro Sector. Cos máis de trescentos filmes recibidos a Facultade de Ciencias da Comunicación vén de crear un fondo audiovisual da Lusofonía, coa intención de que vaia en aumento, e que poderá ser consultado na Mediateca do centro. A mostra abriuse cunha proxección moi agardada: o filme de Carlos Velo Tierras del Chicle, inédito en Galicia e recuperado o pasado ano pola Fundación Fernando Gamboa de México. A película, do ano 1952 e inscrita no chamado Novo Cinema Azteca, realiza unha denuncia das condicións de vida dos traballadores encargados de recoller o chicle das árbores da selva de Chiapas.
A imaxinación, e polo tanto o cinema, non entende de fronteiras. A través de historias, personaxes e olladas os asistentes á mostra puideron viaxar ao fondo da Amazonía (no documental Expediçao Floriano), perderse nos becos da Alfama (Gosto de ti como és) ou escoitar as historias de mariñeiros de Sao Tomé e Príncipe (Mar e selva), decatándose quizais de que non somos tan distintos de todas estas persoas. ¿Como non recoñecer nos repentistas de Sao Paulo (Saudades do futuro) aos nosos regueifeiros, ou como non atopar en No jardim do mundo, filme sobre a sociedade tradicional alentexana, reflexións sobre as nosas propias comarcas rurais? ¿Ou é que a Galicia lle queda tan lonxe a Revolución dos Cravos, lucidamente analizada a través de Duas histórias de prisao, Madrugadas ou A noite do Golpe de Estado? Entre a produción galega destacou a estrea do primeiro capítulo de Cabodomundo, serie de ficción inscrita nun proxecto de televisión comunitaria realizado en Chantada, ou a exhibición do documental de Ramiro Ledo CineClube Carlos Varela.
Galicia e Portugal (e Brasil) levan vivindo de costas demasiado tempo. A asunción desta relación non é ideolóxica, é unha cuestión de senso común, de visión comercial. Cos seus douscentos millóns de habitantes Brasil é, con China e a India, a terceira gran potencia emerxente do século XXI, sobre todo se falamos das industrias culturais, e nomeadamente do audiovisual. Galicia tivo a fortuna histórica de ficar encadrada á vez no mundo hispánico e máis no círculo de países lusófonos e sería un erro histórico perder esta grande oportunidade que se nos presenta. Como di un dos personaxes galegos do documental D.Nieves, do portugués Miguel Gonçalves Mendes, “os portugueses e nós somos irmáns (...) antes pedíanche a documentación aí na ponte (...) agora colles rúa e xa estás en Portugal”. D.Nieves (filme portugués gravado en Lalín) é un bo exemplo de que entre Galicia e Portugal téndense lazos afectivos máis fortes do que os gobernos e institucións semellan percibir.
(TEMPOS NOVOS, Nº 108, MAIO 06)
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment