Tal como xa lle informamos con anterioridade, estamos organizando unha Feira de Produtos Audiovisuais chamada "Viaxes na Lusofonia" que se desenvolverá en paralelo á celebración do VII Congreso Internacional de Comunicación Lusófona, LUSOCOM 2006, que terá lugar en Santiago de Compostela (Galiza) os días 21 e 22 de abril de 2006 ( http://www.novosmedios.org/lusocom).
Estamos recabando materiais de creadores individuais e pequenas produtoras. Pensamos que pode ser unha boa oportunidade para difundir as súas obras en Galiza e coñecer outras producións independentes. A mostra está aberta a longametraxes e curtametraxes, de fición e documentarios, de Portugal, Galiza, Brasil e a África Lusófona. O evento servirá asemade como ponto de encontro entre creadores, e lugar de intercambio comercial entre os creadores e produtoras e distribuidoras. Debido á cantidade de respostas positivas que estamos recibindo tanto en Portugal, en Brasil, en Galiza e nos países da África lusófona, pensamos que o encontro será moi positivo como posta en común de experiencias e que a calidade das producións presentadas será igualmente moi alta.
Ademais, durante os dous días nos que terá lugar a Feira Audiovisual instalaranse na Facultade de Ciencias da Comunicación un conxunto de stands que poderán ser empregados por vostedes para a distribución de material informativo e promocional. Polo tanto, tanto se envían producións ou non, poden remitirnos todos os materiais promocionais que desexen, para que poida ser distribuído nestes stands.
De estar interesados en participar, gustarianos que o confirmase antes do día 23 de xaneiro e, se fose posíbel, que antes desa data nos remitise os títulos das producións coas que participaría nesta mostra audiovisual. Ademais, necesitariamos outros datos sobre o filme: realización, guion, produción, distribución e sinopse. A data límite (deadline) para a recepción das producións será o 1 de marzo e o formato no que deben enviar os materiais é DVD universal.
A Feira Audiovisual "Viaxes na Lusofonía" está coordinada polo profesor Marcelo Martínez, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Feira Audiovisual "Viaxes na Lusofonia": viaxesnalusofonia#gmail.com
No comments:
Post a Comment