2.12.05

Vítimas da desinformación

A crecente "inseguridade informacional", a disconformidade social coa actuación dos medios de comunicación centrou onte o discurso co que Ignacio Ramonet clausurou as xornadas sobre ‘Documentación e Poder’ do Consello da Cultura Galega.


O director de Le Monde Diplomatique compartiu cun ateigado auditorio a súa experiencia como membro fundador do Observatorio Internacional de Medios de Comunicación como proba palpable de que "a cidadanía madurou e é máis consciente de que algo non funciona".
Ao seu ver, e a pesar de que "houbo épocas peores" e "de que nas ditaduras a situación é extrema", nas democracias, a tendencia dos medios "a supeditarse ao poder económico" deixa insatisfeita "a unha porcentaxe cada vez maior de persoas, que sumaron a desconfianza informativa a outras inseguridades, como a laboral ou a sanitaria".

Froito desta situación xurdiu no Foro Social de Porto Alegre no ano 2002 a idea de constituír o Observatorio Internacional de Medios de Comunicación, posto en marcha de xeito oficial un ano despois, como un "contrapoder necesario" exercido pola sociedade civil. A modo de rede e integrado fundamentalmente por universitarios, xornalistas e persoas a título individual, para Ramonet o Observatorio demostrou no seu tempo de vida que "a sociedade pode influenciar ou corrixir o curso da información".

"Existe –di– unha vontade moi combativa e en moitos lugares os observatorios, como os latinoamericanos ou o FAIR en EEUU, plasman en boicot aos medios que traizoan a información". A "importante irritación" que os medios suscitan na poboación xustifica, ao seu ver, protestas como a das Xuventudes de ERC diante da Cope, actuacións que responden "non a unha guerra contra a liberdade de expresión, senón á necesidade de intervención das vítimas da mala información". O xornalista galego lembra que con motivo do tratamento gobernamental dos atentados do 11-M tamén se produciron protestas, aínda que non ante os medios, e engade que se se considera normal protestar ante una empresa farmacéutica que engana cun medicamento, se pode enenteder facelo cando un medio non di a verdade.

Ao fío da relación entre documentación e poder abordadas nas xornadas do Consello da Cultura, Ignacio Ramonet lembra que na súa propia orixe, "a escrita nace para inventariar como unha práctica de elite e de poder", e que hoxe en día en que está democratizada "o problema radica no exceso de información, co que o poder está en saber documentala, é dicir, máis que ter información, trátase de saber discernila e identificala".

A dixitalización, as novas tecnoloxías e internet resultan xa que logo ferramentas fundamentais para o acceso a posicións de poder, capacidade que, para o director do xornal francés, non existe unha vontade real de estender. Ramonet cre que os discursos "evanxelizadores" que chaman a "colmar a fenda dixital" obvian que "isto non pode facerse sen solventar antes outras necesidades primarias. "Se hai países como Marrocos nos que o 60 por cento das nenas non saben ler e escribir, o que se precisa entón non é poñer un ordenador en cada escola, senón poñer a cada neno nunha escola", exclama, e sinala que "os dous mil millóns de persoas que carecen de electricidade, ou o un de cada tres que nunca falou por teléfono, dificilmente poderán chegar a internet".

Chama ademais a atención sobre o crecente debate arredor do goberno da rede, coa advertencia de que "hoxe en día existe un organismo, o ICANN, que depende do Goberno de EEUU que lle outorga a esta administración a capacidade de controlar algo tan inmenso". Para Ramonet, inda que de momento "o controla bastante ben", se en troques de EEUU "fose China quen o gobernase non se admitiría", polo que cómpre buscar unha solución. Esta non pode pasar, ao seu xuízo "polas alternativas propostas por países como Brasil de xestionar a súa propia internet", porque isto derivaría "nun retroceso, que daría unha intranet por cada país e volvería converter en algo dificilisimo superar as fronteiras".

A multiplicación das posibilidades de intercambio é para Ignacio Ramonet o único aspecto positivo da globalización, fenómeno do que se declara "claro adversario", en tanto en canto constitúe "o intento de expansión ata os últimos extremos do modelo de libre cambio e da mercantilización". A partir de aí, resume, "todo é mercadoría e todo é comercio a escala internacional", e engade que polo momento non atopa "tantos exemplos de éxito entre os países abertos á globalización". "Ningún país saíu xamais do subdesenvolvemento, agás Corea do Sur e Taiwán pola Guerra Fría, ou China, que se a tomamos como exemplo temos que defender o modelo de férrea ditadura comunista e non podemos", sentencia, para engadir que para Galicia "a incorporación ao sistema de libre cambio da UE só lle supuxo o desmantelamento dos estaleiros, a cota láctea e a crise do agro".

No comments: