La Voz de Galicia segue baixando. Os últimos datos do EGM, publicados onte amosan un novo descenso de 18.000 lectores, que sumados aos anteriores significan unha caída total de 124.000 lectores dende mediados de 2004, cando acadou o seu record histórico (696 mil). 124 mil lectores menos en ano e medio. Este descenso é tamén evidente nas cifras da OJD, que indican un descenso de 8.000 exemplares nos últimos 3 anos, situando ao xornal nos seus peores números dende 1990.
¿É esta a fin do efecto Prestige? A estratexia levada a cabo polo xornal entre novembro e decembro de 2002, consistente nunha denuncia feroz da labor do Partido Popular ante a catástrofe, conseguiu o seu obxectivo: gañar a simpatía de moitos galegos, sobre todo dos máis novos, que se converteron en lectores de La Voz. A consecuencia disto, o xornal gañou máis de 200.000 lectores en dous anos. Porén, nos últimos 18 meses esa tendencia inverteuse.
¿Cal pode ser a razón? ¿O xiro dereitista e ferozmente enfrontado co galeguismo? ¿Ou a propia cobertura sobre o Prestige? A partir de xaneiro de 2003 La Voz pregouse ás versións oficiais difundidas dende a Xunta e dende a Moncloa e converteuse nun dos medios máis acríticos coa xestión do PP e, á vez, máis críticos con colectivos como Nunca Máis. La Voz desencantou daquela a centos de milleiros de galegos e agora está pagando as consecuencias. ¿Canto tempo resistirá?
No comments:
Post a Comment