21.4.05

A HEXEMONÍA, UN CONCEPTO MARXISTA QUE SOBREVIVE

Numerosos teóricos marxistas, dende Gramsci e Althusser até Marcuse, Benjamin ou Adorno, teñen desenvolvido as formulacións aportadas por Carlos Marx sobre as formas en que o Estado emprega non só un aparello represivo para a reprodución das condicións sociais de produción, senón unha rede de aparellos ideolóxicos, entre os que ocupan un papel fundamental os medios de comunicación. O propio Marx, na Carta a Kugelmann (Cartas sobre o Capital), di que "mesmo un neno sabe que se unha formación social non reproduce as condicións sociais ao mesmo tempo que produce, non pode durar nin un ano". As relacións sociais de produción aseguraríanse así mediante a superestrutura xurídico-política e ideolóxica.
Gramsci defendeu que non existe un paso automático dende o dominio económico ao dominio político, senón que o poder víase obrigado a un proceso de construción e mantemento activo de consenso, a través dos mecanismos da hexemonía. Gramsci definía a hexemonía como a capacidade que un grupo social ten de exercer a dirección intelectual e moral dunha sociedade; é dicir, a súa capacidade de construír en torno ao seu proxecto un novo sistema de alianzas sociais, un novo bloque histórico. Moitos dos achados sobre a teoría de control social por parte das elites a través dos medios de comunicación encaixan na teoría da hexemonía. Deste xeito, o poder das clases hexemónicas é decote reforzado por unha serie de factores, coma a ignorancia da realidade social por parte do público, o énfase na lexitimidade do Estado e das institucións estabelecidas, o descrédito do cuestionamento da orde social e o encarreiramento do descontento e máis da frustración cara ao cabeza de turco (os desviados, os non integrados).
Para Gitlin (1980: 253), non se pode trazar unha liña clara entre os mecanismo de hexemonía e os de coerción: “the hold of hegemony rests on elements of coercion, just as the force of coercion over the dominated both presupposes and reinforces elements of hegemony”. Do mesmo xeito, para Stuart Hall “hegemony is in operation when the dominant class fractions not only but direct, lead: when they not only prossess the power to coerce but actively organize so as to command and win the consent of the subordinated classes to their continuing sway. Hegemony, thus, depends on a combination of force and consent”. Porén, Gramsci argumentaba que no estado liberal-capitalista, o consenso sempre é apoiado pola arma da coerción.
As teorías de Gramsci encaixan á perfección coas conclusións ás que anos despois chegarían moitos pensadores vencellados aos interaccionismo simbólico. Esta escola teórica pretende explicar a construción de significados, e en consecuencia, a forma en que as persoas, influenciadas polos medios de comunicación, se ven a si propias, ven os outros e ven a realidade. Segundo Montero “Los medios actuarían, en este marco, como agentes capaces de reducir la ambigüedad, las amenazas potenciales y de ofrecer nuevas definiciones de la realidad en situaciones de rápido cambio social” (Montero, 1993: 107). Para Gramsci, aqueles que dominan as institucións aseguran o seu poder en gran medida, directa e indirectamente, gravando as súas definicións da realidade sobre aqueles a quen dominan, enchendo o mundo coa súa ideoloxía ou limitando, cando menos, as posibilidades de elección dentro do socialmente aceptábel. A ideoloxía hexemónica penetra en todo aquilo que a xente fai ou pensa que é natural, mesturando e modificando o que a xente considera o senso común. Do mesmo xeito Gramsci asumiu que o proceso de creación dunha conciencia alternativa requiría unha loita para forxar “a new common sense and with it a new culture and a new philosophy which will be rooted in the popular consciousness with the same solidity and imperative quality as traditional beliefs” (Gramsci, 1971: 424). Polo tanto, os medios son utilizados por certos grupos como instrumentos para acadar e manter a hexemonía na sociedade.
Resulta curioso que, morto e soterrado o marxismo, desacreditados os seus principios e a súa praxe, certos plantexamentos do seu corpus teórico sigan sendo válidos e mesmo se fagan cada día máis claros. Hai quen comeza a dicir que, dado que a ideoloxía marxista se concentrou no estudo do capitalismo, toda vez que o capitalismo ten permanecido como a única forma posíbel de organización da economía e da sociedade, as diagnoses marxistas deben ser revisitadas, como unha boa guía para entender o mundo, mesmo o do século XXI. Como se Marx tivese acertado coa diagnose, pero errado calamitosamente co remedio e a predición da evolución da enfermidade. De todos os xeitos, Gramsci sempre foi un marxista distinto, un marxista atípico que soubo anticipar a chegada de moitos fenómenos que teñen marcado o século XX e van marcar aínda boa parte do século que comeza.

Antonio Gramsci

No comments: