14.4.05

OS MEDIOS CONSTRÚEN A REALIDADE (manifesto fundacional #1)

Os medios constrúen a realidade percibida polos integrantes da sociedade. Os medios de comunicación salvan un espazo ontolóxico, ocupan o baleiro existente entre a realidade producida, obxectiva (a existencia ), e o individuo. Cumpren así un rol (un servizo público) de intermediario entre todos os acontecementos que non son percibidos por cada persoa directamente (empiricamente) e o seu coñecemento. Os medios constrúen, pois, a realidade. A realidade, de xeito obxectivo e en termos absoluto, non é máis ca unha idea pura, unha utopía. Berger e Luckmann defínena como a “calidade propia dos fenómenos que recoñecemos como independentes da nosa propia volición” (é dicir, que non podemos facelos desaparecer). Mais os individuos non perciben a realidade de xeito absoluto, só aprehenden algúns fragmentos, e a meirande parte deles a través dos medios de comunicación, que lles proporcionan toda a información sobre aquilo que non pode ser percibido de xeito directo . A realidade non é obxectiva, senón que se constrúe a partir da conxunción de múltiples subxectividades.
Para Kant, a pregunta sobre a posibilidade da obxectividade da realidade era idéntica á pregunta polas “condicións de posibilidade da validez intersubxectiva do coñecemento verdadeiro” . Deste xeito, os procesos de xustificación, mesmo nos casos máis favorables, só poden conducir a unha decisión sobre a aceptabilidade racional dos enunciados, pero non sobre a verdade dos mesmos . Para ser verdadeiro, un enunciado debe ser recoñecíbel por un público: a obxectividade do mundo está tan fortemente imbricada coa intersubxectividade do entendemento, que non podemos ir máis aló deste nexo, é dicir, non podemos escapar dos límites do noso mundo de vida intersubxectivamente compartida, uns límites que se nos abren a través da linguaxe . Así, a anticipación idealizante da totalidade trasládase do mundo obxectivo ao mundo social: os participantes fan abstracción do baleiro evidente que existe entre, por un lado, a imaxe ideal de completa inclusión social e material dunha conversa infinita e polo outro, os discursos finitos, limitados local e temporalmente, que efectivamente levamos a cabo. A este respecto, Habermas lembra que, para Kant, do mundo intelixíbel só temos unha idea, mais non un coñecemento, pero que unha vez que a idea cosmolóxica foi transformada na suposición dun mundo obxectivo común, as pretensións de validez incondicionada son substituídas pola adquisición de coñecementos empíricos . Debemos asumir que non podemos coñecer a realidade, e que o único xeito de achegarse ao seu coñecemento é a través da adquisición dun maior número e diversidade de versións, de puntos de vista. De feito, atribúese a Marx a observación de que se aparencia e realidade non diferisen, a ciencia sería innecesaria.
Berger e Luckmann afirman que a realidade constrúese socialmente, é dicir, parten da idea de que a realidade é fundamentalmente dual: ten unha existencia autónoma, inaprensíbel, e á vez existe a través dun proceso cognitivo. A realidade posúe facticidade obxectiva e, ao tempo, está construída por unha actividade, unha interiorización que expresa o seu significado subxectivo . En palabras de Berger e Luckmann, a realidade percibida por cada individuo é sentida por cada persoa como o mundo obxectivo, garantido polo testemuño dos seus ollos e oídos: “They apprehend this reality in a common-sense fashion, as a reality that does not need further verification”. Nesta interiorización da realidade polo home cobran un papel moi importante os medios de comunicación de masas, polo que diversos autores teñen estudado con profundidade o rol dos mass media no proceso de construción social da realidade .
Adoni e Mane, por exemplo, contemplan este proceso dende a dialéctica entre tres tipos distintos de realidade : a realidade social obxectiva (o mundo obxectivo que existe fóra do individuo), que é aprehendida polos seres coma algo que non necesita verificación e non dubidamos dela, permitíndonos levar a cabo os actos de existencia cotiás. Adoni e Mane indican que os seres humanos poden dubidar desta realidade, “but they usually have to suspend any such doubt in performing the routine actions of daily life that ensure both their own existence and their interaction with others” . Por outra banda, a realidade social simbólica, consistente nas distintas formas de expresión simbólica da realidade obxectiva, coma os mass media, por exemplo: “arises from socially shared meaning based on any form of symbolic expression of objective reality such as art, literature, or media contents” ; e, por ultimo, a realidade social subxectiva, que ten como inputs ás outras dúas realidades: a realidade obxectiva e á súa representación simbólica: “in which both objective and symbolic realities merge inside of individuals. This is the reality to which we respond ultimately. In other words, if what we see and hear ourselves directly or from the media seems real, it is real ”. A súa representación gráfica céntrase en tres caixas (cada unha representando un tipo distinto de realidade) interconectadas por tres frechas que funcionan en dous sentidos. Ao engador a realidade social simbólica Adoni e Mane converten o modelo sociolóxico de Berger and Luckmann nun modelo comunicativo. O novo concepto implica que os individuos poden obter unha imaxe da realidade mesmo se non tiveron ningún contacto directo coa realidade obxectiva.
Outros autores teñen empregado nomenclaturas distintas para referirse á mesma distinción entre realidades. Por exemplo, Beck diferencia entre Realität e Wirklichkeit, dúas palabras alemás que se poden traducir as dúas como realidade . Beck define realität como aquelo que supostamente existe fóra e sen necesidade da realidade cognitiva (cognitive reality), e que en si mesma non é máis que unha idea necesaria, segundo Beck, pois en ningún caso esa realidade obxevtiva pode ser percibida como tal. Mentres, a wirklichkeit sería aquilo que o cerebro constrúe a partir da realidade obxectiva. As teorías que se enmarcan dentro do chamado construtivismo social pretenden explicar todo fenómeno a partir da linguaxe e conclúen que nada existe fóra da linguaxe. Estas teorías, polo tanto negan a existencia de calquera realidade independente da percepción humana e apuntan que mesmo a realidade obxectiva é unha construción humana.
Erving Goffmann foi un dos primeiros investigadores que estudou en profundidade a importancia que cobran os medios de comuicación no proceso de construción da realidade percibida por cada individuo. Goffmann comeza o seu razonamento seguindo a William James, que en 1869 publicou na revista Mind un artigo titulado “The perception of Reality”. Nese artigo, en troques de preguntarse que é a realidade, segundo Goffmann, James daba un xiro fenomenolóxico subversivo, preguntándose: “Under what circumstances do we think things are real” . Segundo Goffman, James “made a stab at differentiating the several different ‘worlds’ that our attention and interest can make real for us” . En 1945 Alfred Schutz retomou as reflexións de James no seu traballo “On Multiple Realities”. Segundo Schutz, é irrelevante se o coñecemento do mundo aprobado como real por unha sociedade determinada é realmente un coñecemento verdadeiro , xa que nas súas accións a xente é guiada pola súa percepción, o seu coñecemento e o que eles cren que é verdade. Para Schutz, “it is the meaning of our experiences and not the ontological structure of the objects which constitutes reality” . Para Berger e Luckmann, a realidade é “a typical Durkheimian fait social” . Ao proceso a través do que a xente aprende non só a forma en que os demais ven a realidade, senón a aceptar esta visión como a súa propia percepción do mundo, Berger and Luckmann denomínano socialización (socialisation). A socialización é un proceso imprescindíbel; Schutz defendía que “we can conduct our lives with little effort or thought” porque “we have developed stocks of social knowledge to make quick sense of what goes on around us” .


Thomas Luckmann

1 comment:

Anonymous said...

comment de proba: ¡Viva Luckmann!