21.4.05

Husserl e Schutz, ou os novos anticristos

O Cardeal Ratzinger, hoxe Papa Bieito XVI, pronunciou horas antes do comezo do Conclave un discurso que pretendía ser toda unha declaración de intencións, ideolóxica e programática, do seu pontificado, ou do pontificado do papa que finalmente fose elixido. Bieito XVI alertou contra o liberalismo, contra o individualismo, contra o ateísmo, contra o marxismo, contra o agnosticismo e contra o misticismo. É dicir, contra o mundo moderno. Pero tamén contra o relativismo. Ratzinger afirmou que o relativismo, elevado á categoría de concepto definidor da filosofía do século XX e XXI, deriva no trunfo da subxectividade, na primacía do individuo no proceso de construción da sociedade. Acaso cre que a sociedade, que a realidade, son obxectivas? Salvador Espriú, inimigo de toda opinión absoluta, de todo dogma (realidades que lle son tan caras á xerarquía católica), acuñou unha frase moi fermosa que define o seu pensamento: “a realidade é un espello fragmentado e todos posuímos un anaco”. Pola contra, Bieito XVI nega esta intersubxectividade, asumida polo existencialismo, o funcionalismo, o estruturalismo, e tamén o interaccionismo simbólico e a fenomenoloxía husserliá e pon a todas estas correntes filosóficas no punto de mira do seu fundamentalismo.
Dende o punto de vista da Teoría da Comunicación cobran un interese moi especial os estudos do interaccionismo simbólico e a Fenomenoloxía. O obxectivo da Fenomenoloxía, tal e como foi proposto por Husserl, é estudar os fenómenos tal como son experimentados na consciencia a través de actos cognitivos e perceptivos, tentando deste modo percibir como é que as persoas constrúen o significado. Na Fenomenoloxía de Husserl, a chave desta actitude consiste en que os presupostos do mundo en que vive sexan colocados entre parénteses para ascender á subxectividade pura; unha vez realizada esta operación, accédese ás estruturas constitutivas de sentido, nas cales se funda o noso coñecemento do mundo. Así, a Fenomenoloxía pode ser entendida como unha tentativa radical de ir máis aló das máis simples presuposicións básicas, presentándose como unha especie de filosofía primeira que cuestiona a propia idea de coñecemento, dirixíndose ás propias cousas, aos fenómenos e ás formas como elas nos aparecen, para dotalas de significado, nun proceso de dúbida e construción. O problema do significado (da asignación de significado) é a panca que na teorización de Husserl e Schutz permite falar da construción da realidade. Porén, o punto de chegada de Husserl é o punto de partida de Schutz: mentres que o primeiro fica en digresións conceptuais e metafísicas (no senso máis literal), Schutz pretende sobre todo centrarse na análise do plano mundano, en especial na comunicación, a intersubxectividade e a sociabilidade.

Edmund Husserl

A obra de Alfred Schutz supón, polo tanto, o elo que conecta o pensamento subxectivista coa teoría da comunicación. Da tradición weberiana, Schutz transporta consigo a idea da acción subxectivamente significativa; de Husserl retén a intencionalidade e os procesos de constitución de significado, os cales abren o camiño para a relación entre a comunicación e a construción da realidade (relación na que desempeñan papeis relevantes as reflexións sobre o tempo de Bergson, a teoría da simbolización de Voegelin e a noción de comunidade de Scheler). En 1945 Schutz publica o ensaio On Multiple Realities, onde seguindo os puntos de vista husselriáns acerca de como a conciencia pode modificar os seus modos de relación coa realidade e reformulando os subuniversos de realidade de James, o autor austríaco desenvolve a noción de “provincias de significado finitas”. A realidade intersubxectiva que nos propón Schutz nesta obra é anterior ao propio individuo, ao ser experienciada e interpretada por outros, os nosos predecesores, que lles ofrecen á nosa experiencia e interpretación subxectivas un mundo organizado en función dunhas estruturas culturais previas. O mundo proposto por Schutz é o mundo dos significados intersubxectivamente compartidos, en base dos cales se funda, a través da comunicación, a súa obxectividade. A intersubxectividade é, polo tanto, a xénese do significado común dos actos sociais. Para Schutz, os medios de comunicación constitúen un medium capaz de transformar a experiencia subxectiva en realidade obxectivada, necesariamente distinta: “language and communication play an essential rôle on the crafting of social reality”, un concepto que foi desenvolvido por Luckmann e Berger, quen afirmaron que os medios inflúen decisivamente nos procesos polos cales calquera corpo de coñecementos chega a ser estabelecido como realidade.
Posteriormente, a influencia da obra de Schutz, Luckmann ou Berger xerou novas liñas de investigación levadas adiante por novos teóricos da talla de Alain Cicourel, Adoni e Mane, Enric Saperas, Gaye Tuchman, Giorgio Grossio, Daniel Cefai ou Miquel Alsina, que salientaron a importancia do construtivismo sociofonomenolóxico no ámbito de estudo dos medios de comunicación de masas. Hoxe tense por estabelecido que o coñecemento público, partillado polos actores sociais se identifica en gran medida co espazo mediático, coa selección dos contidos ofrecida á tematización pública. A nosa realidade, a que manexamos na nosa relación co mundo e con nós mesmos é produto da nosa subxectividade, de múltiples subxectividades, da intersubxectividade construída a través de mediums sociais, principalmente os medios de comunicación de masas. ¿Pretende Bieito XVI regresar ás concepcións medievais teocráticas, que lle negaban ao ser humano a súa primacía, a súa autonomía, a súa categoría de suxeito? Salvador Espriú diría que Ratzinger afirma ter todos os anacos do espello.

Alfred Schutz

No comments: