Sería un bo lugar e momento para falarmos algo sobre os procesos de espiral de silenzo estudados de forma tan brillante pola profesora Noelle-Neumann, pero deixaremos iso para días posteriores. La Voz publicou por fin a súa esperada enquisa. Esperada, tanto pola relevancia informativa de todo o publicado polo xornal coruñés e o prestixio ben merecido de Sondaxe (a ver se despois destas eleccións podemos dicir o mesmo), como pola intrahistoria desta enquisa, que leva sendo noticia varias semanas, sen coñecerse sequera os seus resultados.
A historia comezou o oito de maio, cando La Voz non publicou a enquisa, xa rematada, para que non coincidise coas publicadas ese día por El País e ECG. A idea era publicala o domingo seguinte (15), pero as cousas se estaban movendo moito e se estaban producindo grandes trasvases de votos, de semana en semana, sobre todo ao redor do BNG. Parece ser que os líos con Beiras, as listas, todo o que apareceu sobre o suposto control da UPG, etcétera, tiveran un gran impacto sobre un gran grupo de votantes habituais do BNG. Un mes antes a enquisa que preparaba Sondaxe indicaba uns resultados ao redor de PP 37, PSOE 21 e BNG 17, pero para o 8 de maio a situación variara e parecía bastante ás sondaxes publicadas ese domingo (+- PP 37, PSOE 25, BNG 13). Porén, parece que dende entón, cun pouco máis de calma no BNG e sen que pasase nada máis, a situación regresou a como estaba hai uns meses, cun PP ao borde da maioría (37-38), un BNG estabilizado en 16-17 e un PSOE cunha lixeira subida (20-21) (máis ou menos o que indicaban as enquisas de La Región e La Razón). A enquisa publicada finalmente é o resultado da acumulación dos datos obtidos en plena crise do BNG e os recollidos no actual periodo de calma.
Pero isto non foi todo. Esta última fin de semana sumouse o enfrontamento Prisa-LaVoz, que levou ao xornal de Santiago Rey a minimizar a vitoria socialista que apunta a súa sondaxe, e a preparar unha nova enquisa, cociñada ao gusto do PP. En medio de todo isto, o BNG tamén quere a súa enquisa, que presentará nas próximas semanas.
Isto é o que publica GALICIACONFIDENCIAL:
ELECCIÓNS.- A famosa enquisa de La VozPor que o xornal máis leído deste país non publicou a enquisa de onte un domingo, como é habitual entre os medios de prensa?. Por que a descafeinou tanto?. Por que non a continuou hoxe?... Este sondeu foi o que se realizou hai unhas semanas e do que xa temos falado aquí. Nun comezo non ía ser publicado, pero ao final, decidiuse facelo porque este grupo mediático leva uns días preparando outra macroenquisa que publicará un domingo e cuios resultados van ser ben diferentes. Por certo, nese estudio sinalase que a xente esta "pouco interesada" pola reforma do Estatuto.
ELECCIÓNS.- O BNG tamén encargou a súa enquisaO BNG tamén encargou unha enquisa que estará rematada para dentro duns días. A empresa encargada de facer este sondeo está vinculada á universidade e a un profesor universitario e comentarista político moi próximo a Quintana. Os resultados, polo momento, son moi satisfactorios para a dirección.
ELECCIÓNS.- La Voz "retoca" a enquisaLa Voz de Galicia decidiu, finalmente, non publicar o sondeo que tiña preparado para o domingo 8 de maio e na que o PPdeG non acadaba a maioría absoluta. Ao parecer as "recomendacións" da dirección popular axudaron a que non se publicara e como contrapartida encargaronlle a este xornal unha macroenquisa cuios resultados están case pechados e que, finalmente, lle outorgan ao PPdeG a maoría absoluta; entre 37 e 39 escanos.
E isto o que publica Lois Diéguez en ANT sobre a metodoloxía de traballo da última enquisa de Sondaxe:
Sondaxes de gabinete Lois Diéguez
Hai uns días chamáronnos por telefone. Unha voz feminina pediunos uns minutos do noso tempo para someternos a un inquérito. “Dispare logo”, dixemos. E a moza disparou cunha enxurrada de profundísimas preguntas. Lembro dúas fundamentalmente. Primeira: se na próxima votación ao Parlamento de Galiza ían influir en nós, á hora de elixir o Presidente da Xunta (sic), “a idade de Fraga”, o “carisma de Touriño”, ou “que Beiras se fose do BNG”. Segunda: que valorasemos entre 0 e 10 os seguintes líderes para a presidencia da Xunta de Galicia: Fraga, Touriño, Beiras e Quintana. Ante preguntas tan “científicamente estudadas”, botámonos a rir. A moza tamén riu e axiña se desculpou dicendo que ela non confeccionaba as preguntas, que era unha mandada. Seica se lle arrepuxeran xa algúns dos entrevistados. Temos a sensación de que esta sondaxe de Sondaxe foi ideada por Blanquito. En Madrid seica se aprende moito e el é moi intelixente.Con tais preguntas xa se saben de antemán os resultados: por forza terá que gañar o “carisma” de Touriño. O que máis graza nos fixo foi o pensar de onde coño lle sacaron iso do “carisma”. Porque eu non nego que o tal señor teña as súas grazas. Pero para chegar ás metas carismáticas que os de Sondaxe lle apegaron no retrato aínda vai ter que facer os seus cursiños. E o home xa non leva poucos.
(Publicado en A Nosa Terra, nº 1.175. Do 12 ao 18 de maio de 2005)
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment