A máis que previsible adxudicación mañá das dúas cadeas de televisión dixital en Galicia puxo nerviosos a dous dos candidatos. A Cadena Cope, de forma pública, está a presionar ó presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, para que opte pola súa proposta.
Mentres, o editor de La Voz volveu a reunirse onte co líder do PP. Ambos os dous queren a adxudicación fronte a un terceiro candidato, do que forman parte cinco empresas xornalísticas galegas (Faro de Vigo, La Región, El Progreso, El Ideal e EL CORREO), a principal empresa de distribución cinematográfica de España, Filmax, e o empresario coruñés, Juan Carlos Rodríguez Cebrián (sobriño de Amancio Ortega).
A Cope leva varios días despregando as súas baterías para forzar a Manuel Fraga a que adxudique as dúas canles á súa empresa e a La Voz de Galicia. Onte os seus faladeiros, Ricardo Rodríguez, Alberto Recarte, Amando de Miguel, Isabel Durán e Cayetano Álvarez de Toledo dedicaron boa parte do programa LA Mañana a descualificar ó grupo de empresas xornalísticas e a presionar a Fraga con argumentos como que “os electores do PP non lle perdoarían nunca a Fraga que non lle adxudicase unha das cadeas de televisión en Galicia á Cadena Cope”.
Os citados faladeiros, demagóxicamente e terxiversando a realidade, sostiveron que “hai en marcha unha operación para convencer a Fraga de que non lle conceda unha canle á Cope e si ós empresarios galegos” e, no colmo da desinformación, sostiveron que “este grupo de empresarios que se constituíu como independentes ou galeguistas ten detrás o do imposto do patrimonio, é dicir, o señor Jesús de Polanco”.
Demostrando unha total falta de información, os colaboradores da Cope aseguraban que “tras o grupo de empresarios galegos está Prisa” e que “non teñen interese en emitir, só queren impedir que se oia e se vexa a televisión da Cope en Galicia”.
Os faladeiros da cadea dos bispos fixeron público o seu temor a que “a conspiración ou manobra posta en marcha polo Grupo Prisa” faga cambiar a, segundo eles, decisión xa tomada de adxudicar unha canle dixital á Cope. “Fraga estase a deixar convencer”, asegurou Alberto Recarte, “porque é a contrapartida de que así podería liderar a oposición en Galicia e abrir unha nova fronte a Mariano Rajoy”.
“Non pode ser que o PP en Galicia”, dixo Isabel Durán, “siga en mans dun señor de 83 anos, pero non é posible un recambio se Fraga modifica esta concesión (dando a entender, novamente, que a Cope xa é unha das dúas adxudicatarias)”. “Sería un atentado contra a liberdade de expresión”, sentenciou un dos faladeiros que volveu a referirse a que todas as informacións falan de que as dúas canles está prevista que pasen a mans “de La Voz de Galicia e a Cadena Cope” porque “é o mellor proxecto e teñen maior presenza empresarial”.
Os faladeiros, antes de cambiar de tema, expresaron a súa sensación de que “as presións do Grupo Prisa, a través dos empresarios galegos, forman parte dunha campaña de intoxicación” co obxectivo de “potenciar o papel de Fraga fronte ós desexos de cambio de Rajoy”.
O papel de ‘La Voz’
Por outra parte este periódico puido saber que o editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey se reuniu onte co presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, nun céntrico restaurante compostelán. Os dous mantiveron unha comida privada na que, con toda probabilidade, se falou da concesión das dúas licenzas autonómicas de televisión dixital. La Voz considérase merecedora dunha delas. É, polo menos, a segunda comida que manteñen o fundador do PP e Santiago Rey desde as eleccións do 19-J.
Os máis afastados a Prisa
Os faladeiros da Cope demostraron o seu total descoñecemento do tema que abordaban. O grupo galego, que opta a unha licenza, está formado polos empresarios de comunicación máis afastados ó Grupo Prisa que se poidan encontrar en Galicia. Ningunha das 5 empresas xornalísticas mantén relacións co hólding de Polanco, aínda que algunhas si o fan cos seus máis directos competidores, como El CORREO, aliado co Mundo, e Filmax, que rivaliza coa distribuidora de películas de Sogecable. Dicir que Prisa está detrás deste grupo é, sinxelamente, unha barbaridade.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment