En Galicia prodúcese unha contradición entre os usos lingüísticos da sociedade, claramente bilingüe, e os da prensa, practicamente monolingüe en castelán. E é que tan só cinco de cada cen páxinas están en galego (5,1%). A nosa lingua aparece pouco nas páxinas dos xornais, e cando o fai é case sempre en determinadas seccións, como Local ou Cultura, e en certos xéneros, coma os artigos de opinión ou as entrevistas. En cambio, o galego atopa menores dificultades para a súa entrada na prensa diaria a través da publicidade: doce cada cen páxinas de publicidade están na nosa lingua, unha cifra pequena pero que triplica a presenza do galego nos contidos informativos. ¿Será que o galego vende?
Figura nº1. Proporción de contidos en galego, nas páxinas de publicidade e no resto do xornal
As administracións públicas son o motor da publicidade en galego, xa que contratan case a metade das insercións, seguidas das empresas privadas (20%) e das asociacións (16%). Isto significa que máis da metade da publicidade inserida en galego nos xornais é de orixe privada, rompendo o mito de que a promoción da lingua é tan só cousa das institucións públicas. Dentro das empresas privadas, sobrancean as dúas principais caixas de aforros, e máis algúns centros comerciais de Santiago, Ferrolterra e Pontevedra. Entre a publicidade de orixe pública, a Xunta insire catro de cada dez páxinas e os concellos case o 25%, mentres que o resto distribúese entre a CRTVG, as universidades e as deputacións.
Algunhas cabeceiras rexeitan o uso práctico da lingua galega como vehículo de contidos, pero en cambio realizan un uso simbólico: os xornais falan de si mesmos en galego. Dúas de cada dez páxinas empregadas para a autopromoción (22%) están na nosa lingua, o que duplica a súa presenza media na superficie publicitaria. La Voz úsao en máis da metade das súas promocións (52%), El Progreso achégase ao cincuenta por cento (46%) e o Diario de Pontevedra rolda o corenta (39%). O emprego práctico do galego fica moi por debaixo do simbólico, como se se dubidase da idoneidade da lingua para certos ámbitos. As cabeceiras consideran que o galego é máis apropiado para anunciar un produto ou vender o propio xornal que para informar. Do mesmo xeito, semella que serve para facer chistes ou para escribir artigos de opinión (a súa presenza nestes xéneros é frecuente), mais non para relatar a actualidade.
Figura nº2. Proporción de autopromocións en galego publicadas polos xornais
Do mesmo xeito, o galego semella non ser un soporte válido para os contidos políticos, agás para a publicidade dos propios partidos. Nas dúas semanas que precederon aos comicios locais de maio de 2003, a publicidade inserida no noso idioma acadou proporcións medias de entre o vinte e o trinta por cento de todos os anuncios contratados, e a meirande parte destas insercións correspondéronlles aos partidos políticos. Polo tanto, aquí tamén se fai un uso simbólico do galego, úsase como imaxe de marca porque se confía en que a nosa lingua "vende", é dicir, que chega mellor á cidadanía e é mellor aceptada.
Mentres que as empresas, os partidos políticos e os propios xornais en canto empresas (á hora de autopromocionarse) fan un uso práctico do galego, os xornais non realizan ese mesmo uso á hora de informar, de comunicarse cos seus lectores. Consideran que non é un vehículo axeitado para a información, e cando se lles reclama un aumento da presenza da nosa lingua nas súas páxinas, responden aludindo a supostos estudos de mercado que nunca se fan públicos e que ninguén coñece. Asemade, estudos publicados amosan unha reivindicación xeral a prol dunha maior presenza do galego na prensa. Así, dúas de cada tres persoas (70%) consideraban en 1996 que había "pouca" ou "moi pouca" información en galego, e un inquérito publicado recentemente pola Sección de Lingua do Consello da Cultura indicaba que un sesenta por cento dos lectores habituais de prensa consideraba que debía aumentar a presenza de galego nos xornais. Porén, malia que as nosas cifras indican un lixeiro ascenso dos contidos publicados, seguimos a falar de porcentaxes testemuñais: nos últimos trece anos o galego aumentou a súa presenza na prensa escrita en case un punto porcentual, pasando do 4,12 ao 5,11. Con estes datos, é necesario asumir o fracaso das políticas públicas de fomento do uso da lingua galega na prensa diaria.
As empresas non teñen por que empregar o galego por motivos ideolóxicos, senón por razóns puramente prácticas e de senso común: é a lingua principal para a meirande parte dos cidadáns, e sete de cada dez lena sen problemas. Así pois, o galego vende, axuda a chegar á xente, a comunicarse con ela e a que se interese por un produto, ben sexa un automóbil, un partido político ou o contido dun xornal. O galego vende, pero non llo digan a ninguén: é unha información moi valiosa.
i A investigación, que será publicada proximamente polo Consello da Cultura Galega, foi realizada no ano 2003 por un grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Comunicación, formado por Miguel Túñez, Berta García e Marcos Pérez, para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Consello da Cultura ao abeiro da axuda concedida pola Dirección Xeral de Relacións Laborais.
ii Cómpre salientar que as corporacións locais contratan toda a súa publicidade en galego, agás os concellos de Ourense (o 12% da súa publicidade apareceu en castelán) e, sobre todo, o da Coruña (o 78% en castelán).
iii Goyanes, Helena; Núñez Singala, Manuel C.; Romero, Patricia; e Túñez, Miguel: A Información en Galego, Edicións Lea, Santiago de Compostela, 1996.
iv Monteagudo, Henrique e Bouzada, Xan: A Lingua Galega nos medios de comunicación, 2005, en http://www.consellodacultura.org/mediateca/publicacions/lingua_medios.htm
v Censo do INE, 2001 en http://www.ine.es/censoe/menucenso.htm
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment