23.3.06

O futuro de La Voz de Galicia


¿Cal é a verdadeira razón que se agocha tras a dimisión forzada de Bieito Rubido? Tense falado estes días das malas relacións do xa ex director co conselleiro delegado José Gabriel González Arias. Falouse tamén das presións do PSOE, a través de Pepe Blanco, desexoso dunha Voz de Galicia menos crítica co goberno bipartito. Estas presións puideron ser decisivas na marcha do principal cronista político do xornal, Anxo Lugilde, hoxe colaborador de La Vanguardia e El Progreso. As dúas razóns son verdadeiras e complementarias. Pero hai máis.

Dende hai anos, e con máis intensidade dende hai uns meses, fálase dunha posible venda do xornal a algún dos grandes grupos de comunicación do Estado, principalmente Vocento e Prisa, ou mesmo Zeta. Non é un segredo que La Voz de Galicia é unha ruína económica. Trátase dun xornal sobredimensionado, con 15 delegacións, máis de 150 páxinas diarias, e cun número de xornalistas en plantilla semellante a El País, El Mundo ou ABC. Pero non é El País: vende cinco veces menos exemplares e a publicidade ten un prezo proporcional. Tampouco é o Faro de Vigo, posiblemente o mellor negocio da prensa española, pois cuns custes moi reducidos (conta tan só con 5 pequenas delegación) acada unha difusión que representa máis da metade da do seu competidor coruñés (290 mil vs. 572 mil). Non hai que esquecer que LVG depende para a súa supervivencia das subvencións da Xunta. La Voz atópase dende hai anos nunha situación oposta á optimización económica. Ou crece até converterse nun gran grupo de escala estatal semellante a Vocento (nacido a partir dun pequeno xornal rexional) ou reduce a súa dimensión para concentrarse no seu mercado natural (a provincia da Coruña). Os intentos de expansión (RadioVoz, La Voz de Baleares, La Voz de Asturias...) fracasaron e estiveron a piques de levar á empresa á bancarrota. Quizais a única saída que lle queda a La Voz é a aposta polo minimalismo: retroceder até as súas prazas fortes: Coruña e comarca, Ferrolterra, Costa da Morte, Santiago e Comarca, a Mariña Lucense... Non hai que esquecer tampouco que LVG vende máis de tres de cada catro xornais na provincia da Coruña.

Dende hai dous anos, e tras os crecementos que experimentaron as vendas do xornal durante a crise do Prestige, La Voz de Galicia está caendo en picado . Dende o ano 2004, La Voz perdeu 130 mil lectores, e semella que o vindeiro estudo do EGM (se é que finalmente se publica) confirmará esta tendencia. As razóns son moitas, e teñen que ver sobre todo co escoramento do xornal cara á dereita, converténdose nos últimos tempos na “voz” de Francisco Vázquez na Coruña e do PP en Galicia. Tamén influíu, e moito, a consolidación de competidores no seu territorio natural: La Opinión, Diario de Ferrol..., e o nacemento de catro gratuítos na cidade da Coruña: Metro, Qué!, 20Minutos, e ADN (participado por LVG). Pero hai outro motivo: a perda de calidade do xornal, cada día máis afastado do que ofrecen as cabeceiras de referencia (País, Mundo, ABC, Vanguardia...) e máis próximo ao resto dos diarios locais cos que compite en Galicia: ¿ofrece máis e mellor información LVG que La Opinión, El Progreso ou El Correo Gallego? ¿Por que pagar 1 euro por LVG se teño o 20Minutos de balde e me ofrece máis ou menos o mesmo? Mesmo a edición electrónica de La Voz ten sufrido nos últimos tempos un claro descenso de dinamismo e calidade. O último exemplo tivémolo onte, co anuncio do alto o fogo de ETA: SER, ElPaís e ElMundo colgaron a noticia ás 12:15, El Correo Gallego ás 12:21, Vieiros ás 12:34 e La Voz de Galicia ás 12:35!! Santiago Rey tardou en percibilo, pero finalmente decatouse de qué xornal estaba sacando á rúa a súa empresa. Como podemos ler no confidencial do GaliciaDiario, “El editor de La Voz, Santiago Rey, después de despedir a su director Bieito Rubido, reunió al personal para transmitirles sus opiniones sobre el periódico. A los plumillas casi les da un "yu-yu". Don Santiago dijo que no le gustaba lo que se estaba haciendo, que había secciones enteras que eran ininteligibles (...) Se anuncia ya una nueva imagen para el diario, vamos que habrá cambio de maqueta. Por algo se empieza”

A marcha de Bieito Rubido responde a moitas motivacións, e chega nun momento no que o xornal semella non poder remontar o vó. Quizais é o momento de tomar decisións que afectan á propiedade da empresa. Santiago Rey ten manifestado en privado (e insinuado en público) que de ningún xeito volverá deixar a súa centenaria cabeceira en mans dos seus fillos. Hai uns meses o seu desexo era entregar todo o seu capital á Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e mesmo considerara deixar o xornal en mans dun consello de redacción formado por todos os traballadores de La Voz (un LeMonde á galega, como xa funcionara no Diario de Pontevedra). Pero é posible que a situación económica do grupo non lle permita elixir, e que finalmente teña que vender o diario a algún dos grupos de comunicación que levan anos pedindo prezos en Sabón. Semella que nestes momentos o mellor colocado é Prisa: como escribía o confidencial do GaliciaDiario, “Algún malévolo con extraños intereses ha dejado caer que la salida de Bieito y la victoria interna de José Gabriel sitúa al Grupo Prisa más cerca de La Voz de Galicia”. Pero non hai que descartar a Vocento, xa vencellada dalgún xeito á La Voz (reparte as revistas do grupo), ou a Zeta, que dende xaneiro ocúpase de xestionar a publicidade de La Voz de Galicia a través de Zeta Gestión de Medios (anteriormente facíao Vocento).

3 comments:

Anonymous said...

¿Por qué se considera estratéxico a enerxía, os asteleiros, a leite, a agricultura e non os medios de comunicación? ¿Por qué non entran na Voz os sectores económicos e sociais que en Galicia tentan e tentaron por en marcha un diario galeguista, para Galicia i en galego?

abobriga said...

http://lighthouseman.blogspot.com/2006/03/o-futuro-de-la-voz-de-galicia.html

Anonymous said...

Lugilde se fue tan voluntariamente que su última tarde en el periódico, mientras esperaba para discutir con Rubido las condiciones de su marcha, la pasó leyendo, en la sala de espera de la dirección, "La gran evasión"... La única presión fue la de las manipulaciones informativas de Vilela, Ventoso y Agulló.