Na actualidade os medios xogan un papel practicamente insubstituíbel na construción e exercicio de cidadanía orientada á consolidación dunha sociedade democrática, xa que mediante o acceso e a participación nestes, as persoas poden exercer o seu rol cidadán ao facer uso da liberdade de expresión e acceder ao espazo público, ao mesmo tempo que controlar as institucións e exercer presión sobre elas. As políticas públicas de comunicación deben desenvolver un papel imprescindíbel, non só como regulamentadoras e controladoras dos medios e dos seus efectos, senón como axentes estimulantes das experiencias colectivas. O papel dos Estados é proporcionar marcos normativos para o exercicio dos dereitos de expresión, información dentro do marco do dereito social, e dereitos á intimidade no marco do dereito individual. Ademais de asegurar o acceso universal ás novas tecnoloxías, os medios de comunicación deben garantir o dereito de todos os cidadáns a recibir información veraz, completa e plural sobre asuntos de interese xeral, o cal esixe, á súa vez, garantir o pluralismo de quen informa e opina sobre esa información e garantir asemade o acceso das diferentes opinións aos medios, non só en condicións de igualdade e proporcionalidade, senón en condicións de ter incidencia na formación dunha opinión pública consciente e formada.
Polo tanto, é necesario fomentar o exercicio pleno do dereito á información e a liberdade de expresión nun marco plural que coadxuve á conformación dunha opinión pública informada. Ademais cómpre estimular o respecto ao libre exercicio profesional do informador, facilitar o seu acceso ás fontes de información, e garantir o acceso á información de interese publico. A información constitúe un dereito fundamental recoñecido como tal polo Convenio Europeo dos Dereitos Humanos e as Constitucións democráticas, que coinciden en que o seu suxeito ou titular son os cidadáns, a quen corresponde o dereito de esixir que a información que se dá desde o xornalismo se realice con veracidade nas noticias e honestidade nas opinións, sen inxerencias exteriores, tanto dos poderes públicos como dos sectores privados. Como afirma o Código Europeo de Deontoloxía do Xornalismo, aprobado por unanimidade pola Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa o 1 de xullo de 1993, os medios de comunicación efectúan un labor de mediación e prestación do servizo da información e os dereitos que posúen en relación coa liberdade de información, están en función dos destinatarios, que son os cidadáns. De igual xeito, as empresas xornalísticas débense considerar como empresas socioeconómicas, cuxos obxectivos empresariais deben quedar limitados polas condicións que deben facer posíbel a prestación dun dereito fundamental. E aínda máis, segundo o Código, “os poderes públicos non deben considerarse propietarios da información. A representatividade pública lexitima para actuar en orde a garantir e desenvolver o pluralismo dos medios de comunicación e para asegurar que se creen as condicións necesarias para o exercicio da liberdade de expresión e o dereito á información, excluíndo a censura previa”. Finalmente, o Código aprobado en Estrasburgo invita aos Gobernos dos Estados membros a velar para que as leis garantan a organización dos medios de comunicación públicos a fin de asegurar a neutralidade das informacións, o pluralismo das opinións e a igualdade de sexos e velar tamén para asegurar un dereito de rectificación equivalente a todo cidadán que efectúe unha alegación. Tamén lles urxe a estabelecer no seo do consello de Europa un mecanismo de autocontrol da información concibido como un Ombudsman europeo da comunicación coa representatividade internacional que iso implica. Asemade, insta a promover a creación de asociacións de usuarios dos medios de comunicación e animar ás escolas a desenvolver un ensino en relación coa utilización dos medios de comunicación.
Polo tanto, semella urxente considerar a necesidade de regular a actividade informativa e o réxime dos medios de comunicación para asegurar o dereito á información dos cidadáns, o acceso ás fontes públicas, o pluralismo dos medios, así como garantir a liberdade dos xornalistas no exercicio da súa profesión. En primeiro lugar, sería conveniente crear regras para permitir a transparencia do estatuto xurídico das empresas dedicadas ás actividades de comunicación. Iso crearía, por unha banda, condicións que facilitarían a súa independencia dos centros de poder político e económico. Por outro lado, permitiríalle ao público identificar as fontes de financiamento e os intereses daqueles que lle informan. Ademais, é obrigado estabelecer o acceso aos medios de comunicación dos grupos sociais e políticos significativos, así como regulamentar os dereitos de resposta e rectificación nos medios de comunicación masiva. Débese tamén constituír un estatuto profesional para os profesionais do xornalismo, un texto que debe ser non tanto unha regulamentación estatal, como un verdadeiro código deontolóxico feito e aplicado polos profesionais da información. Asemade, cómpre instaurar a figura do ombudsman da prensa, un defensor do lector que traballe para corrixir os posíbeis excesos dos medios de comunicación. Finalmente é urxente desenvolver unha lexislación que obrigue ao goberno a abrir a información pública a todos os cidadáns, o que debería alentar aos xornalistas á investigación como método de produción informativa, posto que o acceso a arquivos e documentos cuxa natureza é pública permitiranos exercer un mellor contrapeso e vixilancia dos poderes político e económico. O xornalismo de investigación pode aproveitar mellor que ninguén este marco xurídico de acceso á información (aínda hipotético) para ensanchar o espectro da realidade da axenda e debate públicos; para pasar do anecdotario político á maior claridade, profundidade e certeza dos fenómenos cada vez máis complexos nos que debe furgar; para desvelar o que nos é ocultado, pero tamén para rescatar o esquecido.
No comments:
Post a Comment