O papel dos consellos do audiovisual nos procesos de asignación de licencias de emisión:
O espazo radioeléctrico é de propiedade pública, como non podía ser doutro xeito. Polo tanto, o Estado administra e decide o seu uso, e ademais de reservar unha parte do espectro para as emisións das canles públicas, adxudica o espazo restante a emisores privados en concursos públicos baseados en criterios obxectivos decididos previamente (pregos de condicións) que deben ser cumpridos polos candidatos aspirantes a facerse coa concesión. O Estado non pode desentenderse da vixilancia do cumprimento das condicións baixo as que se concedeu unha determinada licenza. É unha obriga que ten un Estado e un dereito que teñen os cidadáns
¿É máis democrático, máis xusto, menos sospeitoso, que as licencias de emisión de canles de TDT ou de Radio Dixital sexan directamente adxudicadas polo goberno de turno? ¿Ou é máis fiábel que sexa un organismo autónomo e independente do poder executivo, elixido por unha maioría cualificada do Parlamento, o encargado de resolver o concurso de adxudicación de canles e emisoras? Nos últimos anos tivemos exemplos abondo de como os sucesivos gobernos autonómicos e central, fosen da cor que fosen, tomaron decisións moi sospeitosas de ser guiadas de xeito subxectivo, parcial e en ningún caso buscando o ben social, senón outro tipo de intereses particulares, entregando a meirande parte das concesións de emisión a xornalistas, empresas e grupos afíns. Nos últimos meses tivemos mostras de que estas actitudes, lonxe de desaparecer, semellan acentuarse: a concesión a LaSexta da cuarta licenza de emisión analóxica, ou a reforma lexislativa que permitiu a Canal Plus comezar a emitir en aberto baixo a marca de Cuatro amosan a urxencia de crear un Consello Audiovisual Estatal. En comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular (Madrid, Baleares, Murcia, Comunitat Valenciana e La Rioja), os beneficios para os grupos afíns a esta forza política foron aínda máis evidentes: a Igrexa Católica fíxose con cinco canles autonómicas e quince licencias locais, e Libertad Digital (grupo liderado por Jiménez Losantos) acadou once canles locais; pola súa banda, Unedisa (El Mundo) conseguiu cinco canles, as mesmos que o Grupo Intereconomía, presidido por Julio Ariza, ex deputado popular; finalmente, Antena3 fíxose con cinco emisoras locais de TDT nestas comunidades. Pola contra, Localia TV, participada polo Grupo Prisa, só conseguiu gañar unha das canles locais en liza. Lembremos que algo semellante sucedeu en Galicia no pasado mes de xullo, cando unha vez perdidas as eleccións, o goberno en funcións do Partido Popular apresurouse a concederlle á Cadena Cope unha das licencias de emisión autonómica de TDT, en prexuízo da moi superior oferta presentada por todas as cabeceiras galegas de prensa agás La Voz.
En Navarra o Goberno Foral someteu ao informe preceptivo do seu Consello audiovisual a concesión de licencias de TDT, o que deu como resultado unha distribución de canles ideoloxicamente plural, con concesións a actores tan dispares coma o Arcebispado de Pamplona ou o Grupo Prisa. Non ocorreu así en Madrid, onde o goberno da Rexión omitiu ese trámite e decidiu a resolución do concurso pola súa conta. Pola contra, en Catalunya, as 59 canles de TDT local non van ser adxudicadas polo Goberno tripartito, senón que o concurso vai ser decidido polo Consell Audiovisual, que emitirá un informe vinculante.
Os grandes grupos de comunicación están pedindo vivir nunha caste de Far West audiovisual, pois se trata dunha situación na que dispoñen de todos os dereitos e ningunha obriga, e constitúe o escenario no que lles é máis doado facer negocio. Pero, pola contra, nesta situación de desregulamentación, de anarquía lexislativa, o que sae perdendo é o cidadán, a sociedade, que non conta con organismos que velen polo seu dereito a ser informados, a recibir unha información veraz. Neste ambiente, a ausencia de regras non significa maior liberdade de información, senón menos. A desproporcionada reacción dos medios explícase porque ás súas empresas propietarias interésalles seguir vivindo no réxime actual. Por esa razón están difundindo unha versión interesada, e por iso poucos medios están informando correctamente sobre qué é un consello regulador, para qué serve...
O aliñamento dalgúns xornalistas cos discursos oficiais dos propietarios dos medios nos que traballan sorprende, en parte, aínda que a meirande parte destas voces corresponden a profesionais inseridos na estrutura directiva das empresas de comunicación. De todos os xeitos, sorprende o xeito en que en certas ocasións os traballadores dos medios asumen as posicións corporativas erguidas pola estrutura de propiedade das súas empresas, coma se fosen actos de fe, ou como se os seus empregos dependesen do trunfo da posición ideolóxica defendida polo medio en cuestión. Porén, fronte aos editoriais e artigos publicados por algúns medios e ás posicións expresadas polos propietarios de todas estas empresas, as organizacións profesionais e sindicais de xornalistas fixeron público o seu apoio á ampliación de competencias do CAC, ao funcionamento do Consell e á posíbel creación dun Consello Audiovisual Estatal. Así o fixo por exemplo a Federación Estatal de Sindicatos de Periodistas (FESP), formada por media ducia de organizacións laborais de xornalistas, entre elas o Sindicato de Xornalistas de Galicia, que tamén emitiron senllos comunicados de apoio á actividade do CAC. Tamén o Foro de Organización de Xornalistas (FOP), integrado pola Agrupación Xeral de Xornalistas de UGT, a Agrupación de Xornalistas de CCOO, o Col.legi de Periodistes de Catalunya, o Colexio de Xornalistas de Galicia, e a Federación de Sindicatos de Xornalistas, afirmou publicamente que saía “ao paso da cadea de ataques que desde ámbitos interesados se dirixen contra a aprobación da Lei Audiovisual de Catalunya que dota de máis competencias ó Consello Audiovisual catalán, achegándoo ó modélico Consello Superior do Audiovisual francés; especialmente no relativo á capacidade de conceder e revogar licenzas, competencias que ata agora eran do Goberno, e de sancionar o incumprimento da lei”.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment