27.1.06

Os consellos audiovisuais e a defensa do dereito á información (VII)

O Consello do Audiovisual de Galicia: unha promesa electoral:

Semella urxente a creación inmediata dun Consello Audiovisual en Galicia, sobre todo tendo en conta que o goberno aínda debe resolver o concurso público de concesión de licencias de TDT de ámbito local, de radio dixital autonómica e local e a previsíbel e necesaria revisión do proceso de adxudicación das dúas licencias de TDT autonómicas a La Voz de Galicia e á Cadena Cope. É certo que o Acordo sobre bases programáticas para a acción da Xunta de Galicia, asinado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana o 23 de xullo non recolle a previsión da creación inmediata deste organismo, mais os programas electorais presentados polas dúas forzas políticas do goberno de Galicia para concorrer ás últimas eleccións autonómicas si recollían a promesa de crear un Consello do Audiovisual. Así, na páxina 72 do programa do PSdG-PSOE recóllese a proposta de “elaboración dun novo marco lexislativo, mediante unha Lei do audiovisual que estableza competencias e sinerxías entre os diferentes actores sociais e institucionais de referencia no audiovisual e que contemple a creación do Consello do Audiovisual de Galicia, como árbitro independente, con competencias para vixiar o espazo audiovisual e o cumprimento das normas lexislativas que afecten ó sector”; e nas páxinas 33-34 dise que “modificarase o Consello do Audiovisual para garantir a autonomía, a transparencia de xestión e o pluralismo político nos medios de comunicación públicos ou dependentes de concesións públicas”. De igual xeito, na páxina 265 do programa electoral do BNG afírmase que o esta forza política promoverá “O Consello do Audiovisual de Galiza, creado por Lei” que “regulará a actividade do sector audiovisual galego”. Pola súa banda, o programa electoral do PPdeG non recollía ningunha previsión relativa á posíbel creación dun Consello Audiovisual no noso país, mais si o fixera este partido no programa electoral co que concorreu ás eleccións xerais celebradas en 2004; na páxina 43 deste texto afírmase que “Crearemos el Consejo Audiovisual que, entre sus competencias, velará por la protección de los menores frente a la emisión de contenidos inadecuados en los medios audiovisuales”. Tamén o PSOE prometía nesa mesma campaña a “creación del Consejo Superior de Medios Audiovisuales” (páxina 38), afirmando que “Crearemos, mediante Ley Orgánica, el Consejo Superior de Medios Audiovisuales como Autoridad Independiente tanto del Gobierno como de los poderes económicos, empresariales, financieros, culturales, educativos y asociativos, que regule, controle y, en su caso, sancione la actividad de todos los operadores en el mercado audiovisual, sean públicos o privados. Se constituirá como “organismo público” independiente en cuanto a financiación, personal, bienes, contratación y presupuesto. Sus miembros serán elegidos por el parlamento a través de mayoría cualificada entre personas de relevantes méritos profesionales en el sector audiovisual, tecnológico, cultural, universitario, educativo y asociativo. Tendrá como misión asegurar la transparencia en la titularidad de los medios, garantizar el cumplimiento de la legislación y velar por el respeto a la dignidad de las personas y a los principios de pluralismo político, económico, cultural y religioso, así como la protección de los valores constitucionales, especialmente la protección a la juventud, la infancia y las personas con discapacidad, cuidando de que se impida todo tipo de publicidad o información sexista” (páxina 39).

No comments: