22.1.06

Os consellos audiovisuais e a defensa do dereito á información (IV)

Os organismos reguladores en Europa:

A previsión por parte do lexislador deste tipo de autoridades é algo habitual en Europa e en todo o mundo occidental, naqueles sistemas constitucionais que se basean nun réxime político institucional e de protección dos dereitos fundamentais equiparábel ao español. Así e todo, certos medios de comunicación están insistindo en que o CAC ou o proxectado Consello Estatal do Audiovisual constituirían "órganos arbitrarios sen parangón", ao tempo que esquecen informar de que en Europa existe unha plataforma de entidades reguladoras, a EPRA, á que pertencen 48 consellos de regulación de 40 países diferentes, entre eles o CAC e o Consello do Audiovisual de Navarra, e que de feito Luxemburgo é o único Estado de todo o continente que non conta con institución ningunha deste tipo. A Platform of Regulatory Authorities (EPRA) constituíuse en 1995 e tanto a Comisión Europea coma o Consello de Europa son observadores permanentes da plataforma. Mais os organismos reguladores da comunicación audiovisual non son exclusivos de Europa e tamén existen en África (Quenia, Nixeria, Sudáfrica...), Asia (Corea do Sur, Hong Kong, Malaisia, Singapur...), América (Canadá, EE.UU., Chile, Arxentina, Brasil, Colombia...) ou Oceanía (Australia e Nova Zelandia).

En canto ás características destas institucións, cómpre salientar que unha ampla maioría dos países europeos conta cando menos con dous organismos reguladores diferenciados, un dedicado a supervisar os asuntos relacionados coas telecomunicacións (o soporte), por exemplo en España a Comisión do Mercado das Telecomunicacións, e outro que se ocupa de velar polas emisións. Porén, nalgún país, como Italia, estas dúas competencias son aglutinadas por un único órgano: a Autorità per le garanzie nelle comunicazioni. Do mesmo xeito, mentres que a meirande parte dos organismos regulan tanto os medios públicos coma os privados, hai algún coma os Landesmedienanstalten alemáns, que só se ocupan das emisións das canles privadas. En canto ás súas competencias, cómpre salientar tres grandes campos: a administración do sector (mediante a adxudicación e revogación de licencias de emisión), a supervisión das emisións (mediante o control dos contidos en horario infantil, e a supervisión da publicidade) e a creación de normas (como códigos de conduta). Porén, as diferenzas entre os distintos organismos son grandes: por exemplo, mentres hai algúns que deciden por si sós a concesión de dereitos de emisión, outros só poden emitir informes e recomendacións non vinculantes. Ademais, o tradicional poder de ditar normas de conduta existente nos sistemas audiovisuais anglosaxóns non é compartido en toda Europa (por exemplo en Austria, Suíza, Dinamarca ou Suecia). Noutros países, en cambio (Reino Unido, Francia, Bélxica, Alemaña, Catalunya, Italia, Holanda...), os códigos de conduta relativos aos contidos emitidos en horario infantil, a representación das minorías, a emisión de contidos violentos ou morbosos ou as recomendacións sobre a inserción e as modalidades de publicidade son de obrigado cumprimento. Finalmente, só os Consellos Audiovisuais francés e valón (Bélxica) teñen entre as súas competencias a intervención no nomeamento do director xeral da corporación pública de radio e televisión, mentres que o resto non ten poder para intervir nese asunto.

Porén, entre estes case cincuenta organismos, cómpre salientar sobre todo a dous, os de maior tradición e actividade, e que serven de referente a todos os demais, sobre todo aos de máis recente creación: son o francés Conseil Supérieur de l’Audiovisuel (CSA) e o Ofcom británico. Segundo a Lei francesa 86-1067, de 30 de setembro de 1986, o CSA é a autoridade independente que garante o exercicio da liberdade da comunicación no ámbito da radio e a televisión, atribuíndolle entre outras misións a de velar pola cualidade e a diversidade dos contidos, ou polo carácter pluralista e a honestidade da información e a súa independencia dos intereses económicos (artigos 29 e 33-1 da citada Lei), tendo en conta a potestade do Consello para adoptar medidas mesmo de carácter sancionador nos casos de incumprimento dos deberes impostos legalmente ou no marco do correspondente título habilitante (artigos 42 e 48 da Lei). A importancia do traballo realizado polo CSA resulta evidente na radio: Francia é un dos países con maior cantidade de radios locais, sobre todo asociativas, cuxa diversidade e cantidade responde a unha regulación equilibrada e coidada da variedade da oferta. Por outra banda, durante períodos de eleccións a acción reguladora dos medios de comunicación en pos do equilibrio político foi recoñecida e ben recibida por todas as partes interesadas. No caso do Reino Unido, a sección 319 da Communications Act de 2003 atribúelle á Ofcom a competencia para estabelecer os correspondentes estándares e controlar o seu cumprimento, en relación concretamente con que as noticias incluídas nos servizos de televisión e radio sexan presentadas coa debida imparcialidade[1] así como que as devanditas noticias sexan emitidas coa debida precisión (accuracy)[2], prevendo a imposición, no seu caso, das correspondentes sancións.
A elección dos membros que conforman os respectivos consellos é un tema moi delicado, pois da súa maior ou menor subordinación ao poder executivo depende en gran medida a imaxe de independencia e imparcialidade que estes organismos ofrezan cara ao exterior. En Dinamarca, Suíza, Holanda, Suecia e Reino Unido os membros dos seus consellos reguladores son elixidos directamente polo Goberno. Pola contra, nos Länder alemáns todos os membros dos seus organismos de regulación son nomeados polos respectivos parlamentos rexionais. En canto ao órgano regulador de Valonia (Bélxica) dos dez membros que o conforman, sete son elixidos polo Parlamento e tres polo Goberno. Finalmente, dous organismos tan importantes coma o francés e o italiano empregan fórmulas mixtas nas que todos (en Italia) ou a meirande parte dos seus membros (en Francia: seis de nove) son elixidos polo poder lexislativo, mais o seu presidente é designado polo Presidente da República (en Italia mesmo a petición do primeiro ministro). Tan só en Austria o presidente (e membro único) do seu órgano de regulación é elixido por concurso público aberto. En canto ao CAC catalán, seguíronse en parte os modelos mixtos francés e italiano. No artigo 4 da súa lei especifícase que o Consell está integrado por dez membros, nove dos cales son elixidos polo Parlament, a proposta, como mínimo, de tres grupos parlamentarios, por unha maioría de dous terzos. O restante membro, que é o presidente, é proposto e nomeado polo Govern despois de escoitar a opinión maioritaria (mais non vinculante) dos nove membros elixidos polo Parlament. Nos outros consellos audiovisuais do Estado as fórmulas de elección dos seus membros son variadas: en Navarra o Parlamento Foral elixe cinco membros e o Goberno dous; en Andalucía, os seus once membros son elixidos polo Parlamento, por unha maioría cualificada de tres quintos. Finalmente, en Madrid, a elección é máis complexa, pois o Parlamento escolle a tres persoas, o Goberno a catro, e a Oficina do Defensor do Menor e o Consello de Consumo da Comunidade a un cada un. Porén, o presidente deste Consello é o consejero ao que se adscriba o organismo.

Por outra banda, a capacidade sancionadora que lle outorga ao CAC a recente modificación da súa lei de creación tampouco é nova en Europa. Ademais da publicación de informes e advertencias, prerrogativa común a todos os organismos reguladores, todos estes consellos (con escasas excepcións) poden obrigar ás emisoras de radio e televisión a inserir un anuncio que informe da infracción cometida. Ademais, a maior parte dos organismos (entre eles os principais: Francia, Reino Unido, Italia, Dinamarca, Holanda, Alemaña ou Bélxica), como responsábeis das adxudicacións de licencias de emisión, poden revogar esas licencias, de xeito temporal ou definitivo, ou tamén poden obrigar ás canles a retirar certos programas. Por suposto, moi rara vez se chegou a estes extremos, optándose a maior parte das veces por impoñer fortes multas, que por exemplo no caso británico achéganse ao medio millón de euros. Nos consellos audiovisuais existentes no Estado Español, o catalán, o navarro e o madrileño dispoñen da potestade de suspender e revogar as concesións de emisión no caso de que as canles incorreran en faltas moi graves, ademais de impoñer multas que poden chegar aos cen millóns de pesetas no caso madrileño e aos 300.000 euros no caso de Navarra. Mentres, no caso andaluz, o seu consello non pode máis que emitir informes e recomendacións, aínda que recentemente o pleno do Consejo Audiovisual elaborou unha proposta de regulamento no que se incluía a potestade de sancionar aos medios que incumprisen principios constitucionais e estatutarios, podendo mesmo instar á retirada dun programa.

[1] “News included in television and radio services is presented with due impartiality and that the impartiality requirements of section 320 are complied with”
[2] “News included in television and radio services is reported with due accuracy”.

No comments: