16.1.06

Os consellos audiovisuais e a defensa do dereito á información (II)

O dereito dos cidadáns recibir unha información veraz na C.E. e na xurisprudencia posterior:

A Constitución de 1978 supón o recoñecemento positivo da liberdade de expresión e o dereito á información. Así, no artigo 20 da CE, recoñécense os seguintes dereitos:
20.1 a) A expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución.
b) A comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión. A lei regulará o dereito á cláusula de conciencia e ao segredo profesional no exercicio destas liberdades.
2. O exercicio destes dereitos non pode restrinxirse mediante ningún tipo de censura previa.
3. A lei regulará a organización e o control parlamentario dos medios de comunicación social dependentes do Estado ou de calquera ente público e garantirá o acceso a ditos medios dos grupos sociais e políticos significativos, respectando o pluralismo da sociedade e das diversas linguas de España.
4. Estas liberdades teñen o seu límite no respecto aos dereitos recoñecidos neste Título, nos preceptos das leis que a desenvolven e, especialmente, no dereito ao honor, á intimidade, á propia imaxe, e á protección da xuventude e da infancia.
5. Só poderá acordarse o secuestro de publicacións, gravacións e outros medios de información en virtude de resolución xudicial.


Porén, o proxecto de Constitución Europea presentado nos últimos anos dá un paso cara a atrás na protección legal do dereito á información dos cidadáns. A diferenza do que sucede co artigo 20 da Constitución Española, o art. II-71 do texto constitucional europeo afirma que:
1. Toda persona tiene derecho a la libertad de expresión. Este derecho comprende la libertad de opinión y la libertad de recibir o comunicar informaciones o ideas sin que pueda haber injerencia de autoridades públicas y sin consideración de fronteras.
2. Se respetan la libertad de los medios de comunicación y su pluralismo.

Así pois, en ningures se recolle o dereito a recibir unha información veraz e tan só se fai referencia á liberdade (non o dereito) de recibir informacións. Ademais, o texto mestura a liberdade de expresión e de información, dous conceptos que na carta magna española aparecen en apartados distintos. Finalmente, o tratado constitucional fai suxeito de liberdades aos medios de comunicación en canto empresas, afirmando que “se respectan” e incide na garantía de que nesta liberdade non existirá “inxerencia de autoridades públicas”.
Algúns dos dereitos recoñecidos neste artigo 20 ficaron faltos do conveniente desenvolvemento legal[1]. Dende a mesma elaboración do texto constitucional nos debatemos en torno ao problema da inexistencia dunha precisión concreta que dalgunha forma avale estas tres afirmacións: o dereito do individuo a recibir dos medios de difusión unha información veraz, o recoñecemento da cláusula de conciencia e o respecto do secreto profesional. A este respecto, Remedios Sánchez Ferrín recoñece que o dereito á información non foi estudado suficientemente dende a perspectiva do dereito constitucional, pois tendeuse a centrar a atención na liberdade de expresión, mentres que o dereito á información foi ficando nun lugar secundario. Trátase dun dereito de toda a colectividade e de cada un dos seus membros, pero un dereito dificilmente invocábel ou dificilmente esixíbel de xeito autónomo. En sentido rigoroso, o dereito a ser informados tense respecto de todo aquilo que nos afecte e ante o que podemos esgrimir, con interese lexítimo, ter dereito a coñecer, ben persoalmente (datos informáticos, expediente administrativo, acusacións...) ou politicamente (todo o que afecte á nosa convivencia política, como colectivo ou como membros dunha comunidade política). Neste senso, Peces-Barba sinala que:
La idea del ciudadano bien informado a través de la libertad de expresión y de prensa, que contribuye a configurar un parlamento que es la expresión de la soberanía popular, está en quiebra. La comunicación de masas tal y como se produce en la realidad no contribuye a esa idea del ciudadano bien informado, puesto que se toman todas esas decisiones, en muchos casos no justificadas por el interés general, que incluyen unos temas como relevantes y excluyen otros que no se consideran así por los detentores del poder político, por los detentores del poder económico o por los profesionales de la investigación[2].

No artigo 53 da nosa Constitución dise moi claramente que os dereitos e liberdades recoñecidos nese título vencellan a todos os poderes públicos e que só por lei, que ten que manter e respectar o seu contido esencial, eses dereitos poderán ser regulados. Deste xeito, o artigo 53 asegura que estamos diante dun dereito que goza do que podemos chamar unha superprotección, a protección de que calquera lei que pretendese conculcalo pasaría a ser materia de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional. A partir do ano 1986 e até 1989 o TC adoptou unha actitude de defensa clarísima da liberdade de expresión; porén, a partir de 1990, o tribunal freou esa defensa a ultranza da liberdade de expresión. Foi o momento no que o TC decidiu que había que precisar máis: non bastaba con afirmar que a liberdade de expresión ou o dereito á información son prevalentes, había que comezar a clarificar e aplicar as consecuencias xurídicas dese papel esencial que desempeñan na orde democrática. Polo tanto, era necesario aclarar o contido das letras a) e d) do artigo 20 da CE e iso constitúe hoxe un logro xa consolidado xurisprudencialmente e que debemos ao TC: o parágrafo a) recoñece a liberdade de expresión, entendida como a liberdade de expresar ideas, pensamentos ou opinións, mentres que o parágrafo d) recoñece o dereito de comunicar e recibir libremente información que versa sobre feitos, ou máis en concreto sobre feitos que poidan considerarse noticiábeis.
Daquela, a cuestión radica en saber que é e que non é noticiábel. Neste senso, o tribunal foi claro á hora de estabelecer unha serie de criterios ou baremos que se aplican principalmente no dereito á información. En primeiro lugar, veracidade. Información veraz, no sentido do artigo 20.1.d), significa información comprobada segundo cánones da profesionalidade informativa, excluíndo invencións, rumores ou simples insidias. Segundo, a relevancia pública dos feitos que se transmiten[3]. E terceiro, a intimidade como límite[4]. De forma sintética, podemos dicir que a veracidade informativa non supón tanto a esixencia aos medios de mostrar, en cada caso, a verdade completa e absoluta en relación cuns determinados feitos, senón o aplicar unha certa dilixencia na procura da mesma:
“É doutrina reiterada deste Tribunal que o requisito da veracidade non vai dirixido tanto á esixencia dunha rigorosa e total exactitude no contido da información, canto a negar a protección constitucional aos que, defraudando o dereito de todos a recibir información veraz, actúan con menosprezo da veracidade ou a falsidade do comunicado, comportándose de xeito neglixente e irresponsábel por transmitir como feitos verdadeiros ben simples rumores, carentes de toda constatación, ben meras invencións ou insinuacións. A información rectamente obtida e difundida debe ser protexida, aínda que resulte inexacta, con tal que se observara o deber de comprobar a súa veracidade mediante as oportunas averiguacións propias dun profesional dilixente”[5].

Cabe destacar que a liberdade de información non ten só unha vertente activa, senón tamén pasiva: a Constitución consagra o dereito a difundir libremente información, o cal atópase intimamente conectado co dereito correlativo dos cidadáns en xeral a recibir, ou máis propiamente a ter acceso, a fontes de información que cumpran cunha serie de requisitos (entre eles, de forma destacada, o citado requisito da veracidade. Asemade, á beira desta dimensión estritamente subxectiva, a Constitución outorga igualmente un alcance de carácter máis obxectivo (formulado, concretamente, polo Tribunal Constitucional, a partir da noción xermánica da chamada garantía institucional) ao exercicio destas liberdades: así, a importancia do seu recoñecemento constitucional non radicaría só no feito de que garante aos individuos unha determinada esfera de autonomía ou de liberdade, senón en que a través do seu exercicio se promove a formación da opinión pública libre, o cal, á súa vez, é condición necesaria e imprescindible para o funcionamento adecuado do noso sistema democrático:
o artigo 20 da Norma Fundamental, ademais de consagrar o dereito á liberdade de expresión e a comunicar ou recibir libremente información veraz, garante un interese constitucional: a formación e existencia dunha opinión pública libre, garantía que reviste unha especial transcendencia, xa que, ao ser unha condición previa e necesaria para o exercicio doutros dereitos inherentes ao funcionamento dun sistema democrático, convértese, á súa vez, nun dos alicerces dunha sociedade libre e democrática. Para que o cidadán poida formar libremente as súas opinións e participar de modo responsable nos asuntos públicos, debe ser tamén informado amplamente de modo que poida ponderar opinións diversas e ata contrapostas”.

Neste sentido manifestouse este Tribunal desde o seu STC 6/1981, de 16 de marzo, ata a máis recente 104/1986, de 17 de xullo, ao poñer reiteradamente de manifesto que o dereito á información non só protexe un interese individual, senón que entrana o recoñecemento e a garantía dunha institución política fundamental, que é a opinión pública, indisolubelmente ligada co pluralismo político” (STC 159/1986).

É innegábel, neste contexto, que aínda que calquera cidadán pode lexitimamente comunicar informacións a terceiros, esta tarefa é levada a cabo de xeito preeminente por profesionais da información a través dos correspondentes medios, de tal xeito que os mesmos son os destinatarios máis frecuentes da protección da norma fundamental. Así, a liberdade de información “é un dereito do que tamén gozan, sen dúbida, todos os cidadáns, aínda que na práctica sirva, sobre todo, de salvagarda a quen fan da procura e difusión da información a súa profesión específica” (STC 6/1981). Está claro, pois, que xornalistas e medios xogan un papel fundamental neste marco xeral e que, en consecuencia, existe unha clara liña de continuidade entre o libre exercicio das súas actividades e o propio sostemento e desenvolvemento das nosas institucións e o sistema democrático. Tal e como veremos con máis profundidade a continuación, iso non reforzaría só a intensidade do dereito á liberdade de información do que serían titulares os profesionais correspondentes, senón que tamén os sitúa nunha posición de particular responsabilidade social: non calquera información atopa o acubillo do noso texto constitucional, senón que os xornalistas atópanse condicionados, na súa tarefa, polo necesario cumprimento dunha determinada función que só pode ter como finalidade última e lexítima: a libre formación da opinión dos cidadáns e o adecuado funcionamento do sistema democrático. Hai que dicir que o TEDH recoñeceu en varias resolucións a responsabilidade social dos xornalistas e os medios de comunicación, explicitando, de forma igualmente clara, os límites ao exercicio da liberdade de información derivados especialmente dos deberes mínimos de respecto das normas propias da deontoloxía da profesión xornalística: “A garantía que o artigo 10 ofrece aos xornalistas no que se refire aos informes sobre cuestións de interese xeral, está subordinada á condición de que os interesados actúen de boa fe de maneira que fornezan informacións exactas e dignas de crédito no respecto da deontoloxía xornalística” (Sentenza de 21 de xaneiro de 1999, Fressoz e Roire contra Francia). Deontoloxía profesional a cal, hai que advertilo, non supón a esixencia dunha absoluta uniformidade de comportamento a todos os xornalistas, senón que habilita un espazo para a apreciación libre e a valoración e ponderación dos feitos, datos e fontes ás que se ten acceso. Neste sentido, o propio Tribunal Constitucional español sintetiza claramente e incorpora ás súas ferramentas interpretativas, na Sentenza 170/1990, a doutrina do TEDH con respecto a esta ampla noción de información: A limitación do dereito á información ao relato puro, obxectivo e aséptico de feitos non resulta constitucionalmente aceptábel nin compatíbel co pluralismo, a tolerancia e a mentalidade ampla, sen os cales non hai sociedade democrática (TEDH, caso Handyside, Sentenza 7 de decembro de 1976, núm. 65), pois a diverxencia subxectiva de opinións forma parte da estrutura mesma do aspecto institucional do dereito á información. Como afirmou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no caso Lingens (Sentenza 8 de xullo de 1986), á prensa incumbe e é a súa misión publicar informacións e ideas sobre as cuestións que se discuten no terreo político e noutros sectores de interese público, e o público ten o dereito de recibilas, polo que non é aceptábel a opinión segundo a cal a prensa ten a misión de divulgar as informacións, pero a súa interpretación debe deixarse primordialmente ao lector (núm. 41). O dereito fundamental recoñecido no art. 20, non pode restrinxirse á comunicación obxectiva e aséptica de feitos, senón que inclúe tamén a investigación da causación de feitos, a formulación de hipóteses posíbeis en relación con esa causación, a valoración probabilística desas hipóteses e a formulación de conxecturas sobre esa posible causación.

A este respecto, o Informe Hutchins exhortaba a avaliar a veracidade das fontes en conflito e a non limitarse a comunicar o que unha e outra afirmaban. O informe afirmaba que xa non abondaba coa veracidade das informacións (un concepto relativo ao método de traballo dos xornalistas: pluralidade e contraste de fontes, comprobación de datos...), senón que os medios debían aspirar a dicir a verdade sobre os feitos ocorridos. O xornalismo non é a busca da verdade, o xornalismo debe ser a busca das verdades pequenas, relativas, que son o único que nos mantén cordos neste mundo: é a busca incesante do que se pode coñecer, non do que non se pode saber. Aí entra o concepto da honestidade profesional, da veracidade como concepto aglutinador das normas deontolóxicas e dos procedementos metodolóxicos que deben guiar aos xornalistas no seu traballo.

[1] Un dos trazos fundamentais do texto constitucional é a súa ambigüidade e polivalencia, “siempre deliberadamente buscadas para facilitar políticas distintas sin necesidad de orillarlo ni forzar su interpretación”, segundo Torres del Moral.
[2] Raussell-Köster, 2002:131.
[3] Estes feitos deben estar dotados dunha certa transcendencia pública. Así, o Alto Tribunal esixiu, de forma reiterada, que en todo caso trátese dunha información con relevancia pública “xa sexa polo carácter público da persoa á que se refire ou polo feito en si no que esa persoa viuse involucrada” (STC 107/1988). De tal forma que a liberdade de información conéctase directamente co coñecemento “dos asuntos que cobran importancia na vida colectiva e que, polo mesmo, condiciona a participación de todos no bo funcionamento do sistema de relacións democráticas auspiciado pola Constitución, así como o exercicio efectivo doutros dereitos e liberdades” (STC 168/1986).
[4] Raussell-Köster, 2002:133-134.
[5] (STC 178/1993).

No comments: