25.1.06

Os consellos audiovisuais e a defensa do dereito á información (V)

A actividade dos consellos audiovisuais do Estado Español:

No Estado Español existen catro comunidades autónomas (Catalunya, Navarra, Madrid e Andalucía) que contan con cadanseu consello do audiovisual. O máis antigo e activo é o Consell de l’Audiovisual de Catalunya (CAC), e tamén o de Navarra leva realizando unha labor importante nos últimos anos, mentres que os organismos madrileño e andaluz practicamente non comezaron a exercer as súas funcións, sendo a súa actividade nula. O CAC, segundo a Lei que o regula, vela polo respecto dos dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución e o Estatuto de Autonomía, relativos ao exercicio de actividades de comunicación audiovisual, así como do resto da normativa reguladora da programación e a publicidade, e da normativa comunitaria e os tratados internacionais na materia. As súas competencias inclúen igualmente a verificación do axeitado cumprimento daquelas obrigas e condicións que formen parte do correspondente contrato ou relación xurídica administrativa de carácter concesional, caso de existir. Nos seus catro anos de actividade fixo públicas instrucións de obrigado cumprimento relativas á presenza da lingua e a cultura catalá e aranesa nos medios audiovisuais, e tamén en relación á protección da infancia. Ademais, difundiu un total de dez recomendacións non vinculantes sobre asuntos diversos: publicidade de xoguetes, distribución de tempos informativos en campaña electoral, tratamento informativo da violencia doméstica, tratamento informativo da inmigración, ou sobre o tratamento informativo dos xuízos. Finalmente, o CAC publicou ao redor dun cento de informes non vinculantes, dende os encargados polo Govern da Generalitat nos concursos de adxudicación de emisoras, os relativos á análise do pluralismo políticos nos medios de comunicación, en especial durante as campañas electorais, ou á supervisión de determinados aspectos das emisións dos medios de comunicación públicos en Catalunya.
Pola súa banda, a actuación do Consejo Audiovisual de Navarra limitouse a emitir recomendacións e informes non vinculantes e non ditou ningún tipo de sanción. Entre as súas actuacións máis sinaladas figuran a presentación dos informes sobre os aspirantes a facerse con algunha das adxudicacións de canles locais e rexionais de TDT en Navarra, un informe sobre a renovación dalgunhas concesións de emisoras de FM, ou algunhas recomendacións sobre a programación televisiva en horario infantil ou sobre a publicidade institucional e a concesión de subvencións públicas ás canles de televisión.

En canto ao Consello Audiovisual da Comunidade Autónoma de Madrid, resultaron especialmente chocantes as críticas expresadas por Esperanza Aguirre contra a existencia do CAC, sobre todo tendo en conta que Madrid contaba dende o ano 2001 cun consello audiovisual de seu, iso si, presidido por un consejero do goberno da rexión. Este organismo ten potestade para impoñer sancións económicas de até cen millóns de pesetas e para revogar as licencias autonómicas e locais de radio e televisión. Aínda que está máis envorcado cara á supervisión dos contidos televisivos violentos ou non axeitados para nenos ou adolescentes, este consello non só se encarga de vixiar estes aspectos, senón que entre as súas competencias figura o velar polo dereito dos cidadáns a recibir unha información veraz. De feito, a lei do audiovisual da Comunidade de Madrid define entre os principios xerais de obrigado cumprimento para os medios de comunicación cunha licenza de emisión administrada pola Comunidade a esixencia de “objetividad, veracidad e imparcialidad de las informaciones”, así como a diferenciación nos contidos e formatos do que é información e do que é publicidade ou propaganda.Así pois, Esperanza Aguirre descubriu de súpeto que na Comunidade Autónoma de Madrid existía un Consello do Audiovisual e anunciou a súa supresión a partir de febreiro de 2006. Ante este anuncio, a Asociación de Usuarios de la Comunicación (AUC) reclamou que non se eliminase o Consello, ao tempo que sinalaba que a decisión constituía "un exercicio de demagoxia", porque ese órgano non pasara de ser “unha mera caricatura de Consello Audiovisual gobernamentalizado, sen recursos nin atribucións significativas, pola ausencia de vontade do Partido Popular de crear un órgano regulador competente”. Asemade a AUC esixiu que o futuro Consello Audiovisual Estatal tivese capacidade sancionadora, como os xa existentes en Europa. Pola súa banda, Miguel Ángel Sacaluga, secretario de Comunicación do Partido Socialista de Madrid, cualificou de "escandaloso" o anuncio da eliminación do Consello, e afirmou que “Aguirre nunca acreditou na existencia de autoridades independentes que poida cuestionar a falla de pluralismo e liberdade de expresión que existen na actualidade". Sacaluga criticou asemade que o PP tivese "asfixiado" o consello, "a non dotalo de medios e dunha sé para o seu funcionamento", e lembrou que cando Aguirre concedeu as licencias de televisión local dixital terrestre non tivera en conta a opinión deste órgano, ignorando que a lei obrigábaa a solicitar un informe do Consello Audiovisual. De feito, o vogal do Consello Audiovisual de Madrid Manuel Núñez Encabo presentou hai uns meses a impugnación "cautelar" da adxudicación de licenzas de TDT por parte da Comunidade de Madrid, por facerse sen o preceptivo informe do consello. En realidade, na presente lexislatura o consello non se reuniu unha soa vez. Na anterior, coa rexión gobernada por Alberto Ruiz Gallardón, fixérao en oito ocasións. Nese período non exerceu a súa facultade de sanción, pero si fixo unha recomendación á canle autonómica Telemadrid para que modificara o horario da serie de debuxos animados Shin Chan. Así pois, Aguirre vai eliminar o Consello do Audiovisual coa escusa de asegurar a liberdade dos medios, pero as únicas consecuencias que vai ter esta decisión é que todas as competencias do consello van recaer de novo no goberno, que terá capacidade para adxudicar frecuencias e licencias de emisión ou revocalas sen control parlamentario.

No comments: